martes, 1 de febrero de 2022

A CANDELORIA - 2 DE FEBREIRO

A CANDELORIA, CANDO CASAN OS PAXARIÑOS.

O 2 de febreiro é o día da candeloria , festa da luz , día do amor nos antigos costumes galegos e o día no que casan os paxariños. antigamente, en Galicia, considerábase esta data coma un preludio da chegada da primavera e con ela o renacer da natureza.

 Tamén se dicía que era a época na que os paxaros casaban e comezaban a preparar niños para as súas crías, época importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, (pola candeloria, medio inverno vai fóra), no momento en que medran os días e a natureza comeza a preparar o estoupido de vida que está a chegar.

  Son numerosos os ditos e refráns que aluden á celebración da candeloria:

 --Cando a candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, metade do inverno está por pasar.


--Cando a candeloria chora a metade do inverno está fóra; se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro.


--O día da candeloria, si chora ou venta, inverno entra. e si non venta nin chora, inverno fóra.


--Pola candeloria casan os paxariños e maila galiñola.


--Pola candeloria casan os paxariños e vaise a galiñola.


--Pola candeloria, inverno fóra; se chove ou venta, inda entra.


--Pola candeloria, metade do inverno fóra; e se chove e fai vento, metade fóra e metade dentro.


--Pola candeloria, metade do inverno vai fóra; se chora ou venta, inda entra.


--Pola candeloria pon a pita vella e a nova.


--Polo santo antón toda galiña pon. pola candeloria, a boa e a mala.


--Que a candeloria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está pasado e a metade está por pasar.


--Se a candeloria chora, o inverno está fóra; se ri, aínda está por vir.


--Se a candeloria chora vai o inverno fóra; se ri, o inverno quer vir; mais cal chorar, cal rir, medio inverno está por vir.


--Se a candeloria empola, o inverno vai fóra.


--Se a candeloria chora, o inverno xa vai fóra. se a candeloria ri, o inverno está por vir; pero que ría e que cante hai inverno para tras e para diante.








No hay comentarios:

Publicar un comentario